Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Calor.Como impedir o planeta de arder PDF Imprimir Correo-e
calor_monbiot.jpgCalor. Como impedir o planeta de arder é un libro de George Monbiot, escritor e académico -coñecido sobre todo como columnista ecoloxista do xornal inglés The Guardian -  que trata das alteracións climáticas e de como reducirmos as emisións que as inducen. Unha reseña de Xosé Veiras.

Título: Calor. Como impedir o planeta de arder

Autor: George Monbiot

Via Óptima, 2007

292 páxinas

calor_monbiot.jpgGeorge Monbiot é escritor,  xornalista e académico, coñecido sobre todo polas súas columnas en The Guardian, un xornal británico de referencia. Afeitos á leitura dos xornais ibéricos, sorprende -por non dicir que marabilla-, ler nun xornal de ampla difusión artigos de opinión radicalmente ecoloxistas e ben fundamentados. Podemos acceder ás súas colaboracións enThe Guardian no seu blog (Monbiot.com), que recibe un cuarto de millón de visitas por mes.

En 2006, George Monbiot publicou Heat: How to Stop the Planet Burning. Un libro que, obviamente, trata da mudanza climática e de como reducirmos as emisións de gases que a inducen. Foi traducido tanto ao castelán (Calor.Cómo parar el calentamiento global, RBA, 2008) como ao portugués (Calor. Como impedir o planeta de arder, Via Óptima, 2007).

 Calor parte da premisa de que, se queremos ter unha posibilidade elevada de prevenir unha mudanza climática moi perigosa, os países enriquecidos debemos reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 90 por cento até o ano 2030. O obxectivo é moi ambicioso, mais Monbiot tenta demostrar que é viábel, usando como "obxecto de experimentación" o Reino Unido. Non é fácil tentar demostrar que é posíbel un corte tan rápido e drástico das emisións, menos aínda facer ver que se pode lograr de forma non moi dolorosa. As mudanzas que tornarían realidade esa diminución terían lugar aplicando importantes restricións, pois non é razoábel agardar que as maiorías consumistas e acomodadas dos países ricos se poñan a "dieta de CO2". Iso sería un verdadeiro "milagre social", unha vía tan improbábel de salvación do clima como o "milagre tecnolóxico". O capítulo introdutorio do libro titúlase significativamente "O fracaso das boas intencións".

O libro apóiase nun importante labor de investigación e razona claramente as súas propostas, tratando de concretalas con números. Calor non pretende ser un manifesto, senón "unha experiencia intelectual". É un libro que enfronta un desafío moi complexo, escrito sen prexuízos, que non ten medo de incomodar ou de perturbar a quen o le. A súa leitura resulta estimulante e móstranos como o campo do posíbel se pode expandir moito se hai unha vontade forte de enfrontar a crise climática. Para Monbiot esta é unha tarefa prioritaria para a Humanidade, pois se fracasamos nela fracasaremos en todas as demais.

Despois de expor cais poderían ser as consecuencias das "alteracións climáticas imparadas" e de responder á pregunta de por qué estamos a ser tan irresponsabelmente lentos na resposta á crise climática (algo co que ten moito que ver a "industria da negación"), Calor aborda a procura de solucións no eido do suministro de enerxía doméstica, dos transportes e de dous sectores da actividade económica (o comercio e a industria do cemento). Máis alá das medidas sectoriais, a proposta de Monbiot descansa sobre a implantación dun sistema de racionamento de carbono, que distribuiría de xeito equitativo entre a poboación mundial o dereito a emitir. Este sistema levaría á "contracción" das emisións dos máis ricos e a "converxencia" das emisións entre ricos e pobres. Monbiot acha que "o mercado creado polo racionamento de carbono estimulará  automaticamente a procura de tecnoloxías de baixo carbono". Sería algo así como un rexime de comercio europeo de emisións, pero aplicado a todas as persoas e empresas, de ámbito mundial e regulado sen concesións a intereses ilexítimos.

Ao meu ver, Calor consegue convencer de que vale a pena e é posíbel loitar contra as alteracións climáticas. Porén, eu persoalmente non acredito que haxa forza social dabondo para tornar politicamente posíbel unha redución tan forte das emisións en tan pouco tempo.  Unha redución tan rápida podería non ser precisa, talvez teñamos 20 ou 30 anos máis para recortar as emisións nun 90% sen deixarmos de evitar unha mudanza climática moi perigosa. Pero aínda que non fose así, e non fósemos capaces de ficar aquén dos 2ºC de aumento da temperatura media global -a partir do cal a catástrofe climática parece inevitábel-, todo esforzo para reducir emisións non será en van. Cantas menos emisións, menos impacto negativo. Un aumento da temperatura de 6ºC ao longo deste século sería moito máis devastador que un incremento de 3ºC.

Podemos ser pesimistas ou optimistas, pero non podemos deixar de actuar. O único pesimismo aceptábel é o activo.

Xosé Veiras García

 
Seg. >