Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
O canon hidroeléctrico PDF Imprimir Correo-e
encoro_de_belesar.jpgO canon hidroeléctrico, un imposto "sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada", comezará a aplicarse no 2009. Un imposto autonómico verde con moitas luces e algunhas sombras que analisa neste artigo María Xosé Vázquez, profesora de Economía Ambiental da Universidade de Vigo.

 

O canon hidroeléctrico recibiu o visto e prace do Consello Económico e Social, pola oportunidade de someter a tributación os efectos ambientais dos encoros e por seguir o terro da fiscalidade verde que recomenda Bruselas, pero tamén ten recibido duras críticas da Confederación de Empresarios de Galicia, cun argumento central baseado na erosión da competitividade industrial galega.  

O establecemento deste imposto reflite unha realidade que vén calando na opinión social dende hai décadas e que pide que as poboacións que teñen sufrido os impactos ambientais e sociais dos grandes encoros, desfruten dalgún tipo de compensación, e que estas compensacións procedan das empresas que danaron a paisaxe, os ecosistemas fluviais e os modos de vida dos pobos afectados. O actual Goberno da Xunta vai plasmar nun imposto esta reivindicación social, ainda que fixo falla toda unha lexislatura para que esta promesa se fixese realidade.

Quen pagará o imposto?

Todas as actividades industriais que utilicen encoros situados en todo ou parte no territorio da Comunidade Autónoma Galega, se estes encoros teñen unha altura superior a 15 metros (medidos dende a parte máis baixa ata a coroación), e tamén aqueles que, tendo unha altura menor, entre 10 e 15 metros, ou ben teñan unha lonxitude de coroación superior a 500 metros, ou capacidade de encorar máis dun millón de metros cúbicos de auga ou capacidade de vertido superior a 2.000 metros cúbicos por segundo. 45 encoros en Galicia veranse afectados por este novo imposto, controlados fundamentalmente por Iberdrola, Fenosa, Endesa  e Ferroatlántica. Debemos lembrar que estas concesións foron asignadas durante o franquismo por períodos de tempo longuísimos e que a día de hoxe están máis que amortizadas.

As actividades que utilicen auga de encoros para abastecemento a poboacións, actividades agrarias, acuicultura e actividades recreativas e transporte non terán que pagar este imposto.

Canto pagarán?

As empresas afectadas pagarán trimestralmente unha cantidade (cuota) que resulta de multiplicar un tipo impositivo por unha base. A base será a capacidade máxima (volume) do encoro, medida en hectómetros cúbicos, a cal se multiplicará polo tipo, que é de 800 euros por hectómetro cúbico. A cuota resultante deste cálculo aumentará co salto bruto do encoro, pois este factor aumenta o impacto ambiental,  e diminuirá coa potencia instalada, pois unha potencia máis alta implica un maior aproveitamento enerxético para un mesmo impacto ambiental.

Estimacións de expertos (La Voz de Galicia, 10 de outubro de 2008) estiman que estes pagos apenas reducirán nun 2% as crecentes marxes de beneficio (sobre todo nun contexto de encarecemento do petróleo) derivados destas concesións hidroeléctricas, porcentaxe que dificilmente pode minar a competitividade industrial das grandes empresas das que estamos a falar.

 Para que se utilizará esta recadación?

A Xunta estima que os ingresos anuais procedentes deste imposto estarán en torno ós 10 millóns de euros. Como o obxectivo destes pagos é compensar e reparar o dano ambiental causado, a lei que crea o imposto establece que a recadación será destinada a financiar as actuacións e medidas encamiñadas á prevención e protección dos recursos naturais, así como á conservación, reparación e restauración do medio ambiente e, en especial, á conservación do patrimonio natural fluvial galego directa ou indirectamente afectado polos danos ambientais gravados. Pemite á Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma establecer os criterios para determinar en qué van ser gastados estes fondos, supoñemos que mantendo os criterios que inicialmente marca o proxecto de lei.

 Moitas luces pero algunhas sombras

 En primeiro lugar, o imposto é un gran avanzo, porque supón recoñececer que  estas actividades teñen causado, e non compensado, efectos ambientais moi graves e a súa aprobación implica algo de xustiza para as poboacións afectadas.  Mais existen algunhas zonas de sombra que paga a pena comentar.

En primeiro lugar, considerar que este imposto avanza na chamada "fiscalidade ambiental" non é de todo correcto. Este imposto ten como obxectivo "compensar e reparar" danos ambientais, mais non corrixir unha conduta ambientalmente negativa, o que define un imposto ambiental. Da mesma forma, o obxectivo dun imposto ambiental é que os ingresos (a recadación) diminúa co tempo, porque isto será o sinal inequívoco de que a conduta que deu lugar ó imposto estase corrixindo. Neste caso, agárdase unha recadación constante no tempo, consistente co feito de que se pon un prezo á capacidade do encoro, que a día de hoxe non vai variar.

En relación co anterior, o imposto intenta recuperar os custos ambientais derivados da existencia dos grandes encoros, pero non do funcionamento dos mesmos. En ningún momento se formula a posibilidade de penalizar o uso de auga (como sí ocorre co canon hidroeléctrico catalán). Non debemos esquecer que as empresas eléctricas fan uso dun recurso público e cada vez máis escaso a prezo cero. Por tanto, a afirmación que fai o texto do proxecto de lei, de que o imposto incide na correcta atribución de custos aos seus xeradores, non é certa pois en todo caso, só estaría repercutindo parte dos custos ós responsables.  Pero ademais, e este é un defecto que presentan a maior parte dos impostos deste tipo, para que o instrumento funcione como un verdadeiro mecanismo de recuperación de custos, hai que coñecer e calcular estes custos. Neste caso, en ningún momento se especifica cómo se ten calculado o tipo impositivo, é dicir, eses 800 euros por hectómetro cúbico que as empresas deben pagar mensualmente. Corresponde realmente este importe ó dano ambiental causado por cada hectómetro cúbico de auga acumulado nun encoro? ... se non equivale, debería facelo, porque así se define un imposto deste tipo. Mais tanto o texto do proxecto, como as declaracións dos promotores desta figura, fan sospeitar que o proceso ten funcionado máis ben ó revés, fixemos unha cifra total que nos pareza razoable (e non ofensiva) e calculemos o medio que nos proporcione ese fin.

Máis información:

Ditame do Consello Económico e Social sobre anteproxecto de lei de creación  do canon hidroeléctrico.

 

 

 

 

 
< Ant.   Seg. >