Desobediência verde eufémia

Posted by xosemariagv on Setembro 2nd, 2008

Hai pouco mais de quatro anos, em Agosto de 2004, o Algarve declarou-se Zona Livre de Transgénicos. Foi a primeira regiom portuguesa em o fazer. Isto nom impediu que três anos despois, na Herdade da Lameira, no município algarvio de Silves existisse umha extensom de 51 hectares dedicada ao monocultivo de milho transgénico MON810. Quase que 1 dessas 51 hectares foi destruída por umhas 150 pessoas organizadas co nome “Movimento Verde Eufémia”. Foi a primeira acçom directa nonviolenta contra os transgénicos em Portugal, o primeiro acto de desobediência civil ao jeito dos começados na França polos Segadores Voluntários.

A acçom do Movimento Verde Eufémia tivo grande repercussom em Portugal, mas foi qualificada como “terrorista” por governo e média. Alguns dos activistas fôrom identificados e poderiam ser julgados, daí o nascimento do soliMoVE (grupo de solidariedade com o movimento verde eufémia), que vem de apresentar umha campanha internacional de apoio ao MVE e o seu acto de desobediência civil.

Asina!

Crise enerxética

Posted by xoseveiras on Agosto 30th, 2008

En Crise enerxética ou crise social?, un artigo publicado na revista Tempos Novos, Xoán Ramón Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC e ex-director do Instituto Enerxético de Galiza (INEGA) –cargo do que demitiu hai uns meses por razóns persoais, segundo el mesmo-, expón con claridade e desde unha perspectiva crítica as chaves da crise enerxética e avoga para a súa superación por unha mudanza global de sociedade, “na forma de producir, de consumir, de alimentarnos e, fundamentalmente, na forma de transportarnos. Ou sentarnos a contemplar, como Nerón, como arde Roma”. Outra suxestión para saber máis sobre esta cuestión tan decisiva é a web Crisis energética, “un espazo de debate e comunicación sobre recursos enerxéticos”. En especial, ocúpase da diminución dos combustíbeis fóseis, colaborando na difusión en castelán do boletín da ASPO (Association for the Study of Peak Oil), que celebrará a súa sétima conferencia internacional en Barcelona en outubro próximo. Detrás desta web está a Asociación para o Estudo dos Recursos Enerxéticos (AEREN), que realizou o documental “Crisis energética global. La humanidad ante el agotamiento de las reservas de petróleo”. Foi feito con recursos técnicos moi limitados, mais resulta moi didáctico. Dura unha media hora. Pódelo ver aquí ou descargalo desde a web Crisis energética.

Propaganda e intoxicaçom como soluçom

Posted by xosemariagv on Agosto 30th, 2008

Agosto -mês de vacaçons por excelência- e trás umha cortina de fume em forma de polémica arredor dum hipotético adianto eleitoral, esse foi o momento escolhido polo governo galego para aprovar um Plano de Aqüicultura desenhado ao gosto das empresas, à marge de qualquer critério de sustentabilidade ambiental e frente a um forte rejeitamento social.

Read the rest of this entry »

Os disidentes da mudanza climática

Posted by xoseveiras on Agosto 29th, 2008

Non sei o que dirán hoxe, mais a comezos dos noventa, dous catedráticos de áreas ambientais da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago cuestionaban a mudanza climática antropoxénica, cando xa había fundamento científico dabondo para a considerar un problema, de acordo co primeiro Informe de Avaliación do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre a Mudanza Climática (IPCC polas siglas en inglés), publicado en 1990. Como acontece a miúdo cos expertos que negan a existencia e a relevancia da mudanza climática, os devanditos catedráticos tiñan en común a súa vinculación cunha empresa do sector dos combustíbeis fóseis, neste caso ENDESA, que tanto influiu para que os gobernos de Aznar non fixesen absolutamente nada para cumprir o Protocolo de Quioto. Mesmo logo da divulgación no ano pasado do cuarto Informe de Avaliación do IPCC, segue a haber escépticos, aos que en España se lles dá pábulo desde posicións liberais, como sinalaba hai pouco un artigo do xornal La Vanguardia titulado Los disidentes del cambio climático. Telemadrid, controlada polo goberno de Esperanza Aguirre, emitiu recentemente o documental O gran timo da mudanza climática . George Monbiot, columnista (ecoloxista!!!) do xornal inglés The Guardian,  escribiu un interesante artigo a propósito deste documental, O mito da xustificación, que se pode ler no seu blog ou en Rebelión, en tradución ao castelán. Escribe Monbiot  que “á xente encántanlle os filmes como O Gran Timo da Mudanza Climática porque nos din o que queremos crer”.

A insustentabilidade do modelo eléctrico español

Posted by xoseveiras on Agosto 26th, 2008

Ladislao Martínez, membro da Área de Enerxía de Ecologistas en Acción, é unha das voces máis solventes do ecoloxismo español. Nunha breve entrevista con motivo da súa participación nos cursos de verán da Universitat Internacional de la Pau, salienta algúns rasgos do modelo eléctrico español: a ineficiencia, o elevado peso dos combustíbeis fóseis e da enerxía nuclear, a exportación neta de electricidade (impórtase de Francia mais expórtase a Portugal, Andorra e Marrocos),…

Por fin, e logo de moitos atrasos, a Xunta presentou en xuño pasado unha proposta de Plano Galego de Acción fronte ao Cambio Climático, o cal incorpora un Programa de Mitigación, é dicir, un programa para a redución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). O Programa de Mitigación, que inclúe medidas de todas as Consellarías que poden facer algo para diminuír as emisións, pretende que estas non aumenten en máis dun 37 % entre 1990 e 2012. Dado que en 2006 tiñan aumentado un 20,6 %, iso significa que o Goberno bipartito considera que Galiza non ten que reducir as súas emisións. Esa é a medida do “compromiso de Galiza coa humanidade”, como cualifica Touriño o Plano.

Read the rest of this entry »

Prioridades

Posted by xoseveiras on Agosto 23rd, 2008

En tratándose de gobernantes, os orzamentos sempre din máis que as palabras. No mesmo xornal, no mesmo día, lemos que Xunta e Estado investiron 7,7 millóns de euros en proxectos de cooperación ao desenvolvemento en materia de pesca no período 1998-2005, que a Xunta destinará 8,5 millóns de euros a subvencións para a pesca costeira artesanal até 2013, e que nunha variante dunha pequena localidade a Xunta investiu 7,5 millóns de euros (se callar de xeito xustificado, a diferenza da maior parte dos 7,8 MIL millóns de euros que Xunta e Estado van investir en ampliar a “deficitaria” rede de autovías, autoestradas e corredores no noso país de 995 a 2.303 km). É evidente que hai importantes limitacións orzamentarias…. para as cousas máis importantes.

Medidas anti-crise para afondar na crise

Posted by xoseveiras on Agosto 18th, 2008

O Goberno estatal decidiu acelerar a execución de obras públicas, fundamentalmente do Plano Estratéxico de Infraestruturas e Transporte (PEIT).  Para iso entendeu que había que “axilizar” a formulación de declaracións de impacto ambiental: por outras palabras, garantir que as obras públicas que disque nos van afastar da tan temida recesión non se verán ameazadas por un ecoloxismo “mal entendido”, que diría don Manuel (outra garantía é a susbtitución de Narbona por Espinosa).  Nestes momentos resulta oportuno reler o artigo El transporte ante el fin de la era del petróleo, que publicou hai xa máis de dous anos Roberto Bermejo, profesor de Economía Sustentábel na Universidade do País Basco e membro de Bakeaz, no xornal El Correo.  Cando o prezo do barril de petróleo aínda estaba lonxe dos 100 dólares, Roberto Bermejo analisaba o PEIT á luz de dous escenarios, o convencional (que ignora os límites ambientais) e o do teito do petróleo.  Escribía que a escalada de prezos do petróleo acabará provocando unha diminución da mobilidade motorizada (algo que xa está comezando a pasar). E que é un sinsentido seguir malgastando diñeiro nun PEIT que fortalece un sistema de transporte ineficiente, custoso, devorador de territorio e incompatíbel co Protocolo de Quioto. Mais o Goberno estatal (e os autonómicos como o galego) prefiren continuar a hipotecar o futuro con fuxidas cara adiante.

Blog Galicia sustentable

Posted by xoseveiras on Agosto 16th, 2008

Galicia sustentable, “bitácora con claves para unha planificación estratéxica sustentable en Galicia”, é un interesante contributo desde o noso país á información e ao debate sobre os desafíos da sustentabilidade. Detrás deste blog está, a título persoal, Pérez Gulín, técnico da Administración ambiental autonómica.

Polémica de papel

Posted by xoseveiras on Agosto 12th, 2008

Hai algunhas semanas, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez (PSOE), sacou o seu lado máis “reivindicativo” para demandar publicamente ao de Industria, Fernando Blanco (BNG), que favoreza o repontenciamento dos parques eólicos existentes face á construción de novos parques. Tamén propuxo gravar os parques eólicos para compensar a poboación dos espazos naturais onde non se permita a instalación de aeroxeradores. A primeira demanda parece innecesaria. A segunda semella unha ocorrencia froito da incapacidade para obter no reparto do Orzamento da Xunta un financiamento que permita unha xestión minimamente digna dos espazos naturais protexidos.

Read the rest of this entry »